Sunday 28 de April de 2024

O pavillón Campo da Serra acollerá esta fin de semana o “I Torneo internacional de baloncesto en cadeira de rodas”


A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, presentaron hoxe xunto con Álvaro Illobre, presidente do Basketmi, Gema Alonso, CEU do club e Igor Pena, Juan López e Lorena Bermúdez, xogadores do citado club, o “I Torneo internacional de baloncesto en cadeira de rodas Cidade de Narón”. O evento deportivo levarase a cabo este sábado e domingo nas instalacións do pavillón Campo da Serra.

Ademais do Basketmi Ferrol participarán no torneo dous equipos lusos, o APD Braga e o BC Gaia, que se desprazarán á cidade nesta primeira edición do torneo. O primeiro partido do sábado dará comezo ás 17.00 horas e o segundo ás 19.00, se ben o domingo se disputará a final a partir das 11.30 horas e procederase á entrega de trofeos ás 13.30 horas.

Dende o club Basketmi destacaron a colaboración do Concello e explicaron que a finalidade desta convocatoria é “visibilizar o deporte na discapacidade”. Ao respecto aseguraron que “queremos cambiar a imaxe das persoas con discapacidade e dar maior visibilidade ás súas historias de esforzo e transgresión de barreiras”.

A alcaldesa da cidade valorou o traballo do Basketmi e coincidiu en recalcar os obxectivos marcados para este torneo e a importancia “de continuar traballando para lograr unha sociedade plenamente inclusiva”. Ferreiro, xunto co edil de Deportes e os representantes do club deportivo, animou ás veciñas e veciños a acudir a apoiar aos xogadores e xogadoras deste torneo que, indicou “espero que sigamos organizando moitas máis edicións”.